Moción presentada por TEGA Narón para o 25 de novembro contra a violencia de xénero

luns, 03/11/2014 - 09:33
Terra Galega Narón

A violencia machista é unha realidade que golpea día tras día ás mulleres deste país. Ante esta alarmante realidade, o goberno do PP  na Xunta de Galicia, en consonancia co Goberno central, segue a recortar as partidas en materia de igualdade.

Así, a Secretaria Xeral de Igualdade pasou de dispor de 60 millóns en 2009 aos 12,3 do 2014. Así mesmo, destaca a redución do 55% do orzamento dirixido aos concellos para programas de prevención da violencia e promoción da igualdade ou a eliminación dunha partida de 20.000 euros para a prevención da violencia no eido da universidade. E se iso xa non fora suficiente o PP impulsa unha reforma local, que suporá un pau sen precedentes na aplicación da Lei integral contra a violencia de xénero, xa que se traducirá na usurpación aos concellos das competencias en igualdade e, polo tanto, desaparecerán puntos de información, pisos de acollida, programas de axuda…etc. 

Este ano cúmprese o décimo aniversario da Lei integral contra a violenica de xénero. Despois dunha década é tempo de facer análises e atender as novas demandas, realidades e situacións da sociedade, pero tamén o momento de subliñar que esta lei, fundamental e determinante na loita contra a violencia de xénero, non está sendo desenvolvida polos gobernos do PP. 

O informe anual de seguimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, deixaba uns datos demoledores e recollía as medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia, sendo apreciados por esta como suficientes, cando todos os indicadores sinalan que son claramente insuficientes. Débense tomar as medidas urxentes que impliquen ao conxunto da cidadanía e  trasladen ás mulleres un verdadeiro apoio e a garantía de se respectar o seu dereito a vivir unha vida digna e sen violencia. 

É responsabilidade das persoas con responsabilidades políticas garantir o cumprimento das leis orgánica e galegas, protexer as vítimas de violencia de xénero e as súas crianzas, esixir aos medios de comunicación que non contribúan a crear e manter prexuízos machistas, traballar para que a comunidade educativa eduque verdadeiramente en igualdade e denunciar as agresións que as mulleres sofren no día a día, así como, animar a que as propias vítimas denuncien os violentos. 

Levan causando un forte escándalo as declaracións humillantes e vexatorias para as mulleres que diferentes cargos institucionais realizan de maneira impune, creando un clima de indefensión e de inseguridade que nada axuda a crear a conciencia necesaria de que a violencia machista só pode merecer a tolerancia cero dende as institucións e organizacións políticas. 

Co obxectivo de exercer este compromiso día a día e non só arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero o grupo de goberno propón ao Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS: 

  1. Esixir ao Goberno galego e ao Goberno do Estado, do Partido Popular, que repoña as partidas recortadas para o total desenvolvemento da Lei orgánica contra a violencia de xénero de 2004 e a Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. 

  2. Esixir do Goberno do Estado que retire a LOMCE e que se recupere a materia de Educación para a Cidadanía; que non se subvencionen os centros de ensino que segregan por sexos, xa que a educación en igualdade é fundamental para loitar contra a violencia de xénero.  

  3. Instar á Xunta de Galicia á elaboración dun plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero e á sinatura dun pacto político e social para abordar a violencia de xénero, coa participación de todos os axentes implicados neste auténtico problema de estado. 

  4. Esixiranse responsabilidades políticas a aquelas persoas con cargos institucionais que fixeran declaracións machistas, en consecuencia cun comportamento exemplar na loita contra a violencia cotiá e os micromachismos.

Narón, 16 de outubro de 2014