"Dende a Política é onde, sen dúbida, se poden cambiar as cousas e mellorar a vida das persoas."

Natalia Hermida

 

A mocidade é un dos sectores da poboación máis afectado pola crise.

Puxémonos en contacto cunha das persoas que coñece de primeira man esta e outras problemáticas relacionadas coa mocidade galega e que traballa arreo para que Galicia siga adiante...

 

Natalia Hermida é membro do Consello Territorial de TEGA e concelleira de Deporte e Mocidade do Concello de Narón

 

Tega Redes: Bo día Natalia, cóntanos un pouco da túa traxectoria en TEGA...por exemplo, como che xurdiu a necesidade de traballar activamente para cambiar as cousas en Galicia dende o mundo da política?

Natalia Hermida: Bo día a todos e a todas!

A verdade é que eu sempre fun unha rapaza inquieta e sempre colaborei con entidades sociais,  creando algunha asociación incluso con outros compañeiros, para dende esas plataformas intentar mellorar ou cambiar cousas que entendiamos que era necesario. Con TEGA viña colaborando dende había anos e froito desa colaboración e da confianza mutua comprendín que dende a política podía axudar a mellorar a vida dos veciños e das veciñas do meu concello.

TR: : Quen escolleu a quen? Terra Galega escolleu a Natalia Hermida ou Natalia escolleu a Terra Galega?

NH: Pois non sabería dicirche exactamente. Creo que foi un camiño paralelo de colaboración, de confianza nas persoas e da propia experiencia que tiven como moza de Narón.

Eu vin como creceu este concello nos últimos 25 anos. Probablemente a miña inquietude e esta maneira de entender a política por parte de TEGA como un servizo aos veciños, traballando con e para as persoas e sen ningún outro tipo de interese achegoume moitísimo a este proxecto político. Tiven ademais a sorte de ir vivindo as transformacións de Narón das que moita xente se sente orgullosa. Está claro que hai outra maneira de facer política. TEGA lévao demostrando dende hai 30 anos.

TR: Por que te encargas ti de  dirixir a área de Mocidade en TEGA? Que fai falla para ocupar este cargo dentro do partido?

NH: O máis importante é estar preto da mocidade dende varios ámbitos diferentes para escoitar as súas inquedanzas e tamén traballar con eles dándolles confianza e crendo neles. Ganas de traballar, ilusión, confianza, crer no que fas,  penso que son os ingredientes básicos para levar a cabo calquera traballo.

A min tócame traballar con eles dende a Concellería de Mocidade e de Deportes da que son responsable no concello dende o ano 2007 e 2009 no caso de Deportes. É impresionante a cantidade de rapazas e rapaces con ideas, afeccións, proxectos, ilusións e o que traballan todos os días por conseguir sacalas adiante.

TR: Que lle aconsellarías a un rapaz ou rapaza que teña inquedanzas e queira cambiar as cousas? Animaríalos a introducirse no mundo da política?

NH: Por suposto que os animaría. É que é imprescindible que se involucren, eles son o futuro.

Teñen que saber que hai outra maneira de facer política que non e a que vemos na televisión todos os días. DENDE A POLÍTICA é onde, sen dúbida, se poden cambiar as cousas e mellorar a vida das persoas. E a política municipal é moi distinta xa que tratas directamente cos veciños e veciñas.

Asústame  pensar nesta idea que se está estendendo de que a política non serve para nada e o desencanto que ten a xente, a falta de confianza na política… Hai que derrotar ese sentimento!!! Todo o que acontece no noso contorno todos os días ten que ver con decisións políticas. Por iso a mocidade debe implicarse. Non podemos ser conformistas.

TR: : Que lugar ocupa TEGA Mocidade dentro da estrutura do partido? Que importancia se lle dá?

NH: Sen ningunha dúbida ten un peso moi importante dentro do partido xa que consideramos que os mozos e as mozas son o futuro. As súas opinións e a súa implicación son fundamentais nas decisións de TEGA. O  presente e o futuro de calquera organización depende en gran medida da mocidade.

TR: Ti actualmente ocupas a Concellería de Mocidade e Deportes no Concello de Narón. Estás en contacto directo cos problemas reais da mocidade deste concello, cales son os que máis lles preocupan? Como traballades para poñerlles solución?

NH: Os problemas máis importantes para a mocidade, que  transcenden das competencias municipais, son lamentablemente o paro xuvenil que hai en toda a comunidade galega e en todo o estado español. Derivado desta situación de desemprego e de falta de expectativas de futuro para eles derívanse una serie de problemas como é a emigración, o non poder independizarse e encamiñar a súa vida, a  desilusión, a falta de esperanza. Isto e tremendo!!!  Estamos perdendo unhas xeracións tremendamente preparadas e que agora as deixan na estacada. E parece que algún partido (PP) presume de acadar acordos para que poidan ir de aventura "porque son muy aventureros los jóvenes" a traballar a Alemaña. E aínda encima nunhas condicións lamentables.

Os últimos datos do padrón son que 27.000 mozos e mozas de Galicia tiveron que emigrar no ano 2013!!! Este é un dato tremendo. Ademais, non hai que esquecer que a mocidade ten un papel importantísimo no crecemento económico. Están na idade de establecerse, comprar ou alugar piso, mobles, ter fillos etc e isto supón unha reactivación económica importante.

Dendo o Concello de Narón trabállase transversalmente dende todas as áreas coa mocidade, non só dende a Concellería de Mocidade. Así, dende a Oficina de Información Xuvenil, e as diferentes concellerías de Formación Laboral, Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Igualdade …. poñemos á disposición da mocidade todos os recursos posibles para darlle formación, asesoramento, actividades, etc.

TR: Neste momento de recesión económica a nivel mundial, o Concello de Narón mantense forte promovendo iniciativas relacionadas coa mocidade, cal é o voso segredo?

NH: O segredo é o traballo, a constancia nas iniciativas, crear sinerxías entre eles e tamén co concello, a proximidade… e por suposto dispor dos recursos necesarios para isto.

Narón leva 30 anos cun proxecto firme de escolas deportivas e escolas culturais nas que hoxe temos 4.000 rapaces en cultura e preto de 5.000 en deportes de todas as idades. Dende a Concellería de Mocidade organizamos encontros locais da mocidade, quedadas, obradoiros de igualdade, de prevención en drogodependencias, en educación afectivo-sexual, xornadas de formación, de empredemento, escola de música moderna con aulas de ensaio para grupos e clases de guitarra, batería e baixo.

Un dato: a OMIX (Oficina de Información Xuvenil) de Narón atendeu no ano 2013 a 4702 mozos e mozas. Tamén contamos cunha revista xuvenil "Dameuntoke", e presenza nas redes sociais e coa web do  manual interactivo para a mocidade "Dameuntoke".

TR: Este ano houbo unha forte polémica coa Deputación da Coruña en relación coas subvencións ás entidades dalgúns concellos, cóntanos un pouco que aconteceu e cal foi ou é a posición de TEGA nesta problemática.

NH: Nos últimos anos estamos vendo como de maneira sistemática veñen castigando os veciños de Narón con subvencións para as entidades sociais cada vez máis baixas para poder desenvolver o seu labor no ámbito do deporte, no eido social e cultural.

No ano 2013 foi escandaloso e inaceptable o que fixo a Deputación da Coruña ao deixar sen subvención ao 90% dos clubs de Narón, e ás  entidades culturais e sociais que a solicitaron para a súa actividade ordinaria. Literalmente aínda que tivesen a máxima puntuación técnica, a Deputación da Coruña resérvase unha valoración política nas súas bases que eles chaman “interés provincial”. Así que con esta valoración política tombaron ao 90% dos clubs de Narón. Prevalece pois a valoración política sobre a técnica, deixando sen efecto os criterios obxectivos das bases das subvencións.

Tras recibir numerosas queixas por parte dos clubs, como vicepresidenta do Padroado de Deportes levei unha proposta á asemblea do Padroado de Deportes no que  están representados todos os grupos políticos que forman parte da corporación municipal e os clubs de Narón para enviar á Deputación  un escrito de queixa do Padroado de Deportes pola arbitrariedade á hora de baremar as subvencións e a  falta de interese do órgano  provincial na  actividade deportiva que realizan os clubs de Narón. 

Ao mesmo tempo TEGA presentou unha moción ao Pleno de Narón na que propoñiamos que o Concello Pleno se adherise ao acordo da Asemblea Xeral do Padroado de Deportes para elevar esa queixa por parte do Pleno á Presidencia da Deputación de Coruña e aos grupos políticos con representación no organismo. Finalmente a corporación municipal aprobou en pleno ordinario a moción presentada por Terra Galega coa abstención do Partido Popular.

 

Moitas grazas Natalia! Contigo, seguimos adiante!