"TEGA ten o compromiso de facer todos os trámites precisos coa Xunta de Galicia para poder, entre todos, levar a cabo este proxecto tan necesario para O Val"

TEGA comprométese cos veciños e veciñas do Val para tramitar o saneamento coa Xunta e achegarlles este servizo

Mar Gómez, Concelleira de Formación Laboral, Emprego, Festas e Feiras e Mercados do Concello de Narón, comprométese coa parroquia do Val en materia de saneamento.

TEGA: Mar cóntanos un pouco como compaxinas a túa faceta como concelleira de diferentes áreas, algunhas tan dispares como a Formación e as Festas?

Mar Gómez: O compaxino moi ben porque os departamentos municipais destas áreas contan cun servizo técnico e de asesoramento moi eficiente, que me facilita moitísimo a actividade á fronte destas áreas.

TEGA: Neste tempo que levas como concelleira, que destacarías como fito máis relevante acadado polo goberno de Terra Galega nas áreas que ti xestionas?

Mar Gómez: O máis relevante, dadas as circunstancias económicas, é manter ano tras ano os programas de formación e orientación para que os veciños e veciñas poidan optar a eles.

TEGA: Que programas estades desenvolvendo dende o Concello de Narón en materia de Formación Laboral?

Mar Gómez: Rematamos a primeira parte do programa “Habilita 2014” no que participaron 148 persoas e en outubro comezamos coa segunda parte de “Habilita 2014” onde temos 180 solicitudes.

TEGA: Que resultados reais están tendo estas iniciativas, realmente se acada unha formación de calidade que capacita aos alumnos e alumnas para o desempeño no seu posto de traballo?

Mar Gómez: Dende esta concellería o que máis valoramos é que os profesionais que imparten os cursos dean unha formación de calidade que asegure a capacitación do alumnado na materia correspondente.

TEGA: Cales son as tarefas pendentes para a próxima lexislatura?

Mar Gómez: A nosa tarefa fundamental, é seguir traballando para continuar cos programas de formación.

TEGA: Narón non escapa á problemática da falta de emprego, moitas das industrias que está no chan municipal víronse fortemente afectadas pola crise, como ves o panorama de aquí a uns anos?

Mar Gómez: Aínda que a recuperación é lenta, penso que a estabilidade laboral mellorará de aquí a uns anos. Dende logo, dende o Concello poremos todo o noso empeño.

TEGA: Que importancia ten a organización de Feiras e Mercados para a vida económica dun concello como Narón, bastante industrializado? Que novedades agardan á cidadanía naronesa?

Mar Gómez: Toda a organización dun evento ten repercusión na zona onde se celebra, tanto na hostalaría como no comercio local e nas áreas de servizos, xa que se move un número maior do habitual de persoas.
TEGA: Como candidata representante da parroquia do Val, cales son as inquedanzas que vos transmiten os veciños e veciñas da zona? Que solucións vai aportar TEGA ante a problemática puntual da zona?

Mar Gómez: Por sorte a parroquia do Val, na actualidade, conta con todos os servizos que a cidadanía precisa, agás o saneamento. TEGA ten o compromiso de facer todos os trámites precisos coa Xunta de Galicia para poder, entre todos, levar a cabo este proxecto tan necesario para a zona.